miércoles, 15 de abril de 2015

David W. Griffith

A ingratitude adoita ser unha compañeira de viaxe que ten por costume non abandonar o vagón do tren ata o final de traxecto, mentres o resto de viaxeiros foron apeándose en pasadas estacións deixando ao artista só, abandonado á incomprensión. O sabor amargo deste final probouno, como tamén outros grandes do cine, David W. Griffith, ata o punto de que en 1935, arruinado por mor da súa megalomanía, tivo que puxar el mesmo polos dereitos das súas películas.
A historiografía cinematográfica, aínda que sen unanimidade, ven de compensar o ostracismo final que padeceu Griffith —nos anos derradeiros viviu refuxiado no alcol— concedéndolle o título de “pai de linguaxe clásica cinematográfica”, honra que acreditou grazas á emblemática O nacemento dunha nación, película que ven de cumprir un século de existencia.
Griffith e Frank E. Woods adaptaron libremente dúas novelas do reverendo Thomas Dixon: “The Clansman” e “The Leopard’s” para dar forma un filme colosal para a época que chegou a contar con numerosos axudantes de dirección, entre eles, futuros grandes directores como Erich Von Stroheim e Raoul Walsh.
A súa estrea non estivo exenta de polémica debido a explícito talante racista que destila o texto —una banda do Ku Klux Klan asume o rol de ente salvador ao rescatar á protagonista das garras dun “negro” que pretende atacala—, o que non impediu que acabara sendo una das películas máis vistas da historia do cinema en Estados Unidos, mérito que comparte, por certo, con Gone with the wind (en español Lo que el viento se llevó), outra superprodución de trazo xenófobo. A película narra a guerra de Secesión a través de dúas familias —os Stoneman, do norte e os Cameron, do sur— cuxa relación é truncada polo drama bélico.
A mensaxe principal de O nacemento dunha nación resulta intolerable para a ollada dun espectador actual, porén, o texto esconde rugosidades que, sen atenuar a súa vileza, desvelan un punto de vista incómodo para a versión oficial da guerra civil estadounidense. A primeira secuencia amosa a deportación de escravos africanos cara América, un pecado orixinal responsabilidade dos colonos norteños, o que da conta da hipocrisía deste bando por declarar unha guerra en defensa duns valores que eles foron os primeiros en quebrantar. Griffith, con este inicio, pon en cuestión o feito racial como causa desencadeante da guerra, na liña de moitos historiadores europeos que falan, sobre todo, dun enfrontamento entre dous sistemas de organización económica: agraria-terrateniente fronte industrial-burgués.
Alén da lectura ideolóxica, O nacemento dunha nación atópase no Olimpo da Historia do Cinema grazas á súa contribución á linguaxe cinematográfica; supón, este filme, a ponte que conecta o Modo de Representación Primitivo co Modo de Representación Institucional: a multiplicidade de puntos de vista do narrador fílmico coa utilización dramática do primeiro plano, a montaxe alternada que quebrante a unicidade do espazo teatral, a utilización do raccord, o flash-back ou o enfoque realista fundamentarán os principios elementais da linguaxe clásica que acabará sendo hexemónica nos sucesivos cen anos.

O cine converteuse en cine cando comezou a marcar distancia respecto do teatro para aproximarse a literatura e adoptar a súa estrutura espazo-temporal, moito máis libre que na arte escénica. Griffith declarou en innumerables ocasións a importancia da literatura  decimonónica, concretamente Charles Dickens, como modelo para a súa concepción cinematográfica, adaptando, entre outros recursos narrativos, a locución “mentres tanto” a través da montaxe alternada, que permitía conectar dous sucesos acontecidos ao mesmo tempo en espazos diferentes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario