A
ingratitude adoita ser unha compañeira de viaxe que ten por costume non abandonar
o vagón do tren ata o final de traxecto, mentres o resto de viaxeiros foron
apeándose en pasadas estacións deixando ao artista só, abandonado á incomprensión.
O sabor amargo deste final probouno, como tamén outros grandes do cine, David
W. Griffith, ata o punto de que en 1935, arruinado por mor da súa megalomanía,
tivo que puxar el mesmo polos dereitos das súas películas.
A
historiografía cinematográfica, aínda que sen unanimidade, ven de compensar o
ostracismo final que padeceu Griffith —nos anos derradeiros viviu refuxiado no
alcol— concedéndolle o título de “pai de linguaxe clásica cinematográfica”,
honra que acreditou grazas á emblemática O
nacemento dunha nación, película que ven de cumprir un século de
existencia.
Griffith
e Frank E. Woods adaptaron libremente dúas novelas do reverendo Thomas Dixon:
“The Clansman” e “The Leopard’s” para dar forma un filme colosal para a época
que chegou a contar con numerosos axudantes de dirección, entre eles, futuros
grandes directores como Erich Von Stroheim e Raoul Walsh.
A
súa estrea non estivo exenta de polémica debido a explícito talante racista que
destila o texto —una banda do Ku Klux Klan asume o rol de ente salvador ao
rescatar á protagonista das garras dun “negro” que pretende atacala—, o que non
impediu que acabara sendo una das películas máis vistas da historia do cinema
en Estados Unidos, mérito que comparte, por certo, con Gone with the wind (en español Lo
que el viento se llevó), outra superprodución de trazo xenófobo. A película
narra a guerra de Secesión a través de dúas familias —os Stoneman, do norte e
os Cameron, do sur— cuxa relación é truncada polo drama bélico.
A
mensaxe principal de O nacemento dunha
nación resulta intolerable para a ollada dun espectador actual, porén, o
texto esconde rugosidades que, sen atenuar a súa vileza, desvelan un punto de
vista incómodo para a versión oficial da guerra civil estadounidense. A
primeira secuencia amosa a deportación de escravos africanos cara América, un
pecado orixinal responsabilidade dos colonos norteños, o que da conta da
hipocrisía deste bando por declarar unha guerra en defensa duns valores que
eles foron os primeiros en quebrantar. Griffith, con este inicio, pon en
cuestión o feito racial como causa desencadeante da guerra, na liña de moitos
historiadores europeos que falan, sobre todo, dun enfrontamento entre dous
sistemas de organización económica: agraria-terrateniente fronte
industrial-burgués.
Alén
da lectura ideolóxica, O nacemento dunha
nación atópase no Olimpo da Historia do Cinema grazas á súa contribución á linguaxe cinematográfica; supón, este filme, a ponte que
conecta o Modo de Representación Primitivo co Modo de Representación Institucional:
a multiplicidade de puntos de vista do narrador fílmico coa utilización
dramática do primeiro plano, a montaxe alternada que quebrante a unicidade do
espazo teatral, a utilización do raccord,
o flash-back ou o enfoque realista
fundamentarán os principios elementais da linguaxe clásica que acabará sendo
hexemónica nos sucesivos cen anos.
O
cine converteuse en cine cando comezou a marcar distancia respecto do teatro
para aproximarse a literatura e adoptar a súa estrutura espazo-temporal, moito
máis libre que na arte escénica. Griffith declarou en innumerables ocasións a
importancia da literatura decimonónica,
concretamente Charles Dickens, como modelo para a súa concepción
cinematográfica, adaptando, entre outros recursos narrativos, a locución “mentres
tanto” a través da montaxe alternada, que permitía conectar dous sucesos acontecidos
ao mesmo tempo en espazos diferentes.